Saturday 04 de May de 2024

O Goberno local encarga o proxecto de peonalización definitiva para as rúas Alcalde Marchesi, Primavera e Compostela


A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro Juan Manuel Díaz Villoslada, comprobaron de primeira man o éxito de impedir nestas festas o paso dos coches por estas vías, unha cuestión que se podería estender no período das rebaixas

A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Manuel Díaz Villoslada, visitaron esta mañá a rúa Alcalde Marchesi para comprobaren da man dos e das comerciantes e da veciñanza o resultado da súa peonalización e das lindeiras Primavera e Compostela nunha aposta pola humanización da zona e pola mobilidade sustentable.

A rexedora manifestou que a medida foi recibida moi positivamente pola cidadanía: “O que atopamos é un apoio absoluto, xente que nos di que o manteñamos así”, polo que estudarán estender a novidade no período de rebaixas sempre que as persoas representantes do sector do comercio llelo pidan.

O edil engadiu que o compromiso é abrir as tres rúas ao tráfico rodado o día 7, pero que valorarán entre hoxe e mañá as propostas dos vendedores e vendedoras e das persoas residentes. Aínda así preparan xa un proxecto de peonalización completo e permanente que sairá dun proceso de diálogo coas persoas afectadas, e que o comunicarán na próxima Mesa de Mobilidade prevista para finais deste mes. Rey sinalou que hai certa resistencia a pisar o asfalto por parte da cidadanía coruñesa

pero que estas cuestións fomentan a humanización e a sustentabilidade, “o futuro da mobilidade urbana pasa por non utilizar tanto o coche e si o transporte público”.

A alcaldesa lembrou que cando se fixo peonil a rúa Barcelona en 1994, a veciñanza foi nun primeiro remisa pero que a día de hoxe a ninguén se lle ocorre meter un vehículo nela nin en Rego de Auga e afirmou que son políticas que axudan a mellorar a calidade de vida da xente, mais que teñen que ser tomadas cun estudo previo de cuestións técnicas que inclúa o restablecemento das prazas de aparcamento, “relocalizalas e habitar novos espazos” porque “unha cousa é impedir o paso dos coches e outra preparar as rúas de cara á súa humanización definitiva”, indicou Villoslada, quen apuntou que ademais destas tres rúas, a humanización afectará tamén á contorna da praza de Lugo, tal e como vén reflectido nos orzamentos participativos.

Deste xeito, o Goberno local encargará un proxecto en que se definirán os novos itinerarios para a recollida do lixo, a construción de plataformas únicas con árbores e as entradas dos garaxes, un plan que podería comezar a materializarse este ano e que collerá forma tras a reunión fixada para este mes, en que se realizará un balance deste primeiro paso: “Que se farán peonís as rúas é unha realidade”, asegurou Rey.